Friday 03 de May de 2024

O Concello de Lousame organiza este sábado un novo obradoiro para bebés tras o éxito de participación en “Xogando coa música”


Prazas limitadas. Inscricións na Casa da Cultura (981 82 57 80)

O Concello de Lousame organiza este sábado 26 de setembro un obradoiro para bebés dirixido por Esperanza Mara, que mestura arrolos de tradición oral e estimulación sensorial dos pequenos. A participación é de balde, se ben é preciso anotarse previamente na Casa da Cultura ou chamando ao 981 825 780.
O obradoiro está dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos. Terá lugar o sábado 26 de setembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame e terá unha duración aproximada de 50 minutos. Esperanza Mara explica que “o ideal sería manter contacto cos bebés pero agora é imposible polas circunstancias que estamos vivindo, polo que a actividade será guiada e mesturaremos exercicios de estimulación sensorial con cantos de arrolar”.
Xogando coa música
Este novo obradoiro para bebés xurde tras o éxito acadado o pasado venres por “Xogando coa música”, unha actividade na que participaron 15 nenos e nenas maiores de 3 anos. Aínda que inicialmente o obradoiro estaba pensado para acoller a unha decena de crianzas, finalmente cambiouse de sala para que os outros cinco pequenos tamén puideran participar.
“Xogando coa música” é un contacontos para a cativada inspirado na historia dunha soprano que non é quen de cantar logo de que un neno se rira dela en público. Coa axuda da serea Medea e da rapazada lousamiá, conseguiu volver a cantar. “A mensaxe era que a rapazada entendera que hai que facer o que máis nos guste, aínda que alguén se ría de nós. E os nenos e nenas de Lousame prometeron que aínda que se rían deles, sempre van facer aquilo que máis lles guste”, explica Esperanza Mara.